Xornada cidadá gratuíta para retirar especies vexetais agresivas na contorna da Torre de Hércules

23 de outubro de 2018

Torre de Hércules

O grupo Hábitat coordina mañá en Punta Herminia un programa de control do Carpobrotus edulis ou "uña de gato"

A Coruña, 23 de outubro de 2018. O grupo naturalista Hábitat iniciará mañá, mércores día 24 de outubro na contorna da Torre de Hércules e Punta Herminia un programa de voluntariado ambiental destinado á recuperación de zonas vexetais alteradas. Trátase da primeira xornada dun total de once actividades deste tipo que se desenvolverán nesta zona durante este ano destinadas ao control do Carpobrotus  edulis, unha especie invasora, coñecida popularmente como uña de gato, e recoñecida polas súas vistosas flores perennes e  carnosas, que, fóra da súa contorna, supón un forte impacto sobre o hábitat e outras especies nativas.   

A actividade desenvólvese de forma gratuíta e en horario de dez a dous cunha limitación de 25 prazas para o que é imprescindible a inscrición previa en inscricion@gnhabitat.org a través do formulario habilitado. Este programa derívase do convenio nominativo asinado entre o grupo naturalista Hábitat e a concellería de Medio Ambiente do Concello da Coruña para iniciar o proxecto de Custodia de Territorio e Voluntariado, que pretende implicar a toda a cidadanía da Coruña na conservación dos espazos naturais da cidade e a difusión de valores ambientais.

A actividade que terá lugar mañá centrarase exclusivamente na zona de Punta Herminia e procederase á retirada manual desta especie vexetal invasora e o seu depósito en dous contedores e posterior transporte. As previsións barallan que durante este mes de outubro e en novembro completaranse estas medidas de control ambiental en toda a contorna da Torre. Esta acción cobra máis forza tras o comezo dos trámites por parte do equipo de goberno para a declaración da zona da Torre de Hércules como Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

Máis información

Programa da xornada de voluntariado ambiental