O alcalde avanza en Fitur que A Coruña celebrará no mes de xuño o décimo aniversario da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade con espectáculos de música, luz e son, eventos gastronómicos...

24 de xaneiro de 2019

O alcalde avanza en Fitur que A Coruña celebrará no mes de xuño o décimo aniversario da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade con espectáculos de música, luz e son, eventos gastronómicos...

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, deu a coñecer na Feria Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid a oferta turística da cidade para o presente ano, no que se conmemora o X aniversario da declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade pola Unesco. O rexedor, que estivo acompañado polo presidente do Consorcio de Turismo, Alberto Lema, e a xerenta do mesmo, Lanzada Calatayud, fixo unha introdución das grandes citas que acollerá A Coruña nos vindeiros meses relacionadas coa cultura, a gastronomía, o deporte ou o patrimonio e entre as que destacou a celebración da década do faro romano como Patrimonio da Humanidade. "Durante o mes de xuño teremos no entorno da Torre unha programación que resaltará e combinará a relevancia do faro co carácter da cidade. Iso significa que haberá música, encontros gastronómicos e espectáculos de luz e son, pero tamén exposicións e encontros para reflexionar sobre o seu valor", avanzou.

Nun acto no que tamén participou o guía local Suso Martínez, que interpretou á figura de Míl Espáine, neto de Breogán e antecesor do pobo irlandés na súa mitoloxía, coa que realiza visitas guiadas á Torre de Hércules, Ferreiro lembrou que A Coruña, "xurdiu e creceu a partir dun faro, que leva dous mil anos alumeando a nosa costa, que é orixe de lendas e que situou a cidade nos mapas de navegación".

A súa relevancia, apuntou o alcalde, non se limita a ser "o principal símbolo da cidade, senón que combina a faceta turística, na que recibe a máis de 125.000 visitantes ao ano, coa histórica e ambiental". "Aos seus pés atópase unha das contornas naturais máis apreciadas da cidade, unha zona de esparexemento para visitantes e locais pero tamén refuxio de gran cantidade de animais e plantas.

O rexedor falou das visitas teatralizadas e apuntou que o ano pasado máis de 7.000 persoas, a través dalgunhas das visitas guiadas que organiza o Consorcio de Turismo da Coruña, nas que personaxes como María Pita, Sir John Moore ou o propio Míl Espáine guían os pasos dos e das visitantes. "Non se pode deixar atrás a visita ao cemiterio de San Amaro, un camposanto xunto ao mar e dos máis antigos de Europa que mantén a memoria de moitos dos homes e das mulleres que marcaron a historia da cidade. A súa espectacular visitar nocturna guiada ten unha lista de espera de máis de seis meses", explicou.

O alcalde enxalzou tamén a oferta cultural da cidade, tanto á ligada á historia e ao patrimonio, como o Camiño Inglés, como a eventos de ocio, entre os que salientou a festa de Interese Turístico Internacional de San Xoán e o Festival Noroeste. "O Consorcio de Turismo continúa a impulsar a difusión e a internacionalización do Camiño Inglés, un itinerario que no ano pasado triplicou a súa afluencia" pasando de 120 persoas en 2017 a 336 no 2018 e das que o 25% chegaron dende o estranxeiro. "Este traballo, no que continuaremos afondando, foi recoñecido pola Xunta de Galicia nos premios Camiño de Santiago polo labor creativo na divulgación e difusión", lembrou. Ferreiro explicou a relevancia do litoral na cidade, en especial no tempo de esparexemento, para presentar unha das citas do verán, o Festival Noroeste, "que recoñece o valor das mulleres creadoras cun cartel eminentemente feminino". "Un protagonismo que non é máis que a tradución dunha realidade que precisa de máis espazos nos que reflectirse", apuntou. O cartel para a edición deste ano, que se celebra do 6 ao 11 de agosto, ten xa o seu primeiro nome confirmado, Patti Smith, "unha das traxectorias máis sólidas, máis comprometidas e máis brillantes da música e da cultura actuais". A estadounidense actuará na praia de Riazor o día 9 de agosto, no único concerto gratuíto confirmado pola artista até esta data.

 

Gastronomía, eventos deportivos e congresos

 

No seu discurso, o rexedor incidiu na gastronomía "como un dos principais reclamos da cidade", da que dixo, "alberga unha oferta inacabable e que ole a océano". "Se o pasado ano estreamos unha proposta propia impulsada dende o Consorcio de Turismo como foi o Festival SAL, que se celebra cada dous anos, no 2019 acolleremos a celebración do Fórum Gastronómico, do 10 ao 12 de marzo, que reunirá na súa cuarta edición na Coruña á vangarda da cociña, e na que terán espazo as propostas que se poden atopar na cidade", avanzou. Tanto a oferta gastronómica de bares e restaurantes da cidade como esta cita está "potenciadas con varias citas xa ineludibles" como son Lacónicas, neste próximo mes de febreiro, Bo en Boca, o festival Picadillo e o Boucatise.

Ao fío das características que fan da Coruña un escenario axeitado para múltiples eventos, Ferreiro presentou a cidade como "unha infraestrutura deportiva perfecta para todas as idades, todas as condicións e durante todo o ano". Un escenario no que este ano se celebrarán, por segunda edición consecutiva, o Campionato de España de Triatlón, ademais dunha competición de "deporte urbano de primeiro nivel". Ademais, A Coruña acollerá a primeira edición da Copa de España de Marcha Nórdica e a II Bandeira Cidade da Coruña de traiñeiras, así como o Maratón Atlántica Coruña42, que se celebra o vindeiro 14 de abril. "O seu carácter atlántico, os elementos patrimoniais, os equipamentos singulares e a oferta hoteleira converten a nosa cidade na anfitrioa perfecta para a organización de congresos", salientou, antes de comunicar que A Coruña recibirá nos vindeiros meses unha ducia de convencións, entre as que salienta o Congreso Nacional de Nefroloxía, con máis de 2.000 participantes.

Durante o acto, o alcalde destacou a relevancia da Coruña como cidade portuaria e de transporte de viaxeiros, que tivo especial afección no pulo do Camiño Inglés. "Hoxe en día a nosa cidade segue ocupando un espacio referencial nas principais rutas de tráfico marítimo. Neste 2019, chegarán en cruceiro 190.000 persoas ao noso porto, o que converte A Coruña nun dos principais destinos do Estado, con 120 escalas xa confirmadas", indicou. Neste sentido, Ferreiro apuntou que o tráfico de viaxeiros á Coruña crece tamén por vía aérea, "xa que Alvedro rematou 2018 como o mellor ano da súa historia", e vaticinou un novo bo ano para a terminal. "O aeroporto experimenta un crecemento en todos os ámbitos, en asentos, pasaxeiros e conexións, e incorpora este ano dúas novas rutas a Bilbao e Málaga", rematou.